A SEGUNDA METADE DO SÉCULO XIX EN GALICIA.

Página anterior

    

Coa morte de Fernando VII comeza un novo período constitucional: A época de Isabel II que leva ó poder ós liberais e deixa fóra ós absolutistas que procuran recuperar dito poder, sen éxito, coas guerras carlistas. Neste ambiente liberal, no que o Romanticismo potenciaba o interese por diferenciar ós pobos, nace O GALEGUISMO , que se manifesta politicamente participando no levantamento de 1846 para conseguir a autonomía para Galicia. O intento rematou en fracaso e a consiguente represión dos implicados.

Nos anos seguintes, no galeguismo, aínda difuso, comeza a segunda vaga romántica que inza Europa e que se preocupa por cuestións sociais e idolóxicas. Nace a SEGUNDA XERACIÓN GALEGUISTA, que se revela no Banquete de Conxo. Esta xeración ademais de preupacións sociais atenderon a aspectos culturais, levando a cabo o Rexurdimento literario e defendendo o idioma que utilizan como vehículo reivindicativo e como cousa reivindicada.

En 1863 Rosalía de Castro publica "Cantares Galegos".En 1868 a revolución de setembro destrona a Isabel II e supón a victoria da burguesía progresista coa que simpatiza o movemento literario galego. En 1873 proclámase a 1ª República española. Vencénllase o galeguismo e federalismo, e os republicanos federais galegos impulsan un proxecto de reforma agraria que non tería repercusión debido á falla de capital do campesiñado e dun crédito bancario agrícola. Por iso cando na dictadura provisional de 1874 suspende esta lei, non atopan oposición dos campesiños.

Aparece a Restauración froito dun pacto entre a alta burguesía e a oligarquía rendista. Isto chega a funcionar gracias ó caciquismo: os campesiños vense obrigados a unha dependencia en forma de clientela. O cacique sabe perdoar parte dunha renda, o aprazar un cobro, reclamando, pola contra, respostas para o interés dunha ideloxía de clases. Trátase dun tema con moita tradición en Galicia e que é posto de relevo polos poetas da segunda metade do S. XIX: Curros Enríquez, Lamas Carvajal, Leiras Pulpeiro..., e que continuará no S.XX.

No derradeiro tercio do S XIX. o galeguismo o galeguismo acada maior concreción ideolóxica e organización, creándose a Asociación Rexionalista Galega (1891) , primer partido independente dirixido ideoloxicamente por Alfredo Brañas e Manuel Murguía quen defende o autogoberno para Galicia.

 

A SOCIEDADE

A poboación galega do S XIX é moi numerosa: 1.500.000 habitantes. O 80% era rural e o crecemento das cidades foi lento como a industrialización. A economía seguía a depender da agricultura polo sistema de terras arrendadas chamado foro, que obrigaba a pagar ós propietarios unha parte da producción ( renda foral ).

A desamortización que pretendeu poñer en mans particulares os bens inmobles da Igrexa tivo a penas repercusión en Galicia, xa que foron os fidalgos e os comerciantes burgueses quen adquiriu os bens desamortizados pois eran os quen dispuñan riquezas para a puxanza. Esta consistía en percibir unha renda e non terras o que provocou que en Galicia seguira vixente o sistema de propiedade feudal.

Así pois o foro e as cargas tributarias do Estado e da Igrexa debilitaron a economía dos labregos, provocando a miseria e conseguinte emigración da poboación campesiña. Isto aparecerá reflexado continuamente na literatura do século XIX.

Frente a fidalguía e o clero que apoiaban ó absolutismo estaba a burguesía comercial que apoiaba ós liberais, e que salvo casos illados mantívose nuns niveis domésticos e artesanais, freada pola abandono das vías de comunicación e política industrial dirixida polo Estado español.

 

O LEVANTAMENTO DE 1846 E OS COMEZOS DO GALEGUISMO.

O interese polos diferentes países que conforman o estado español foi potenciado polo Romanticismo. O Principio das Nacionalidades xa viña da época da Ilustración que alimentara o liberalismo. A mediados do S. XIX. foi cando estas ideas comezaron a concretarse e a ser obxecto de atención de historiadores e novelistas, científicos de flora e fauna, economistas, periodistas, e toda unha serie de intelectuais que se preocupan pola realidade galega. Neste ambiente atopábanse destacados precursores do noso Rexurdimento como Francisco Añón, Alberto Camiño.. etc, así como mostras en prensa desta nova ideoloxía que recibira o nome de PROVICIALISMO. Creánse sociedades culturais como a Academia Literaria y Artística de Santiago, que tiña como órgano periodístico oficioso El Idólatra de Galicia onde destacaba o redactor Antolín Faraldo.

Esta primera xeración participou no levantamento de 1846, constituíndose a Xunta Superior do Goberno de Galicia, de carácter provincialista máis que independentista.

Este levantamento foi rematado co fusilamento de doce oficiais ( "Os mártires de Carral") e coa represión ós implicados. Despois o galeguismo político non rexurdirá ata vinte anos máis tarde como republicanismo federal. Nos anos oitenta cobrará importancia o galeguismo conservador: O REXIONALISMO, que terá como líder a Alfredo Brañas.

A partir de 1846, o Provincialismo deixa a política para preocuparse da cultura. É a segunda xeración galeguista, de Rosalía, Pondal..., que levará a cabo o Rexurdimento literario Galego.

O RENACER DA LINGUA E LITERATURA GALEGA.

No 1853 da man de XOÁN MANUEL PINTOS, sae o primeiro libro da moderna historia de Galicia que contén moitas páxinas escritas en galego. Trátase de A gaita gallega onde se intenta iniciar ó lector á lingua galega. É o momento no que o Liceo de la Juventud de Santiago de Compostela acolle ós liberais e ós seus coñecementos que deixaran para a causa rexionalista. Por alí pasaron poetas que practicaron a nacente poesía galega: unha poesía ignorante do pasado lírico medieval, a pesar de que no 1923 se dera a coñecer o que máis tarde se chamará Cancioneiro de Ajuda, a pesar de que dende 1975, se coñecía unha edición do Cancioneiro da Vaticana e de que no 1880 se publicara parte do Colocci-Brancuti.

Por dito Liceo pasarían moitos dos que prepararon o terreo ó Rexurdimento, e outro que sería os auténticos protagonistas: Rosalía de Castro e Eduardo Pondal.

No 1861, ten lugar os Xogos Florais celebrados na Coruña, inspirados dos de Barcelona celebrados dous anos antes, e que tiña como patrocinador a Xosé López Cotón que conseguiu reunir a grandes poetas casteláns e galegos. A pesar de que a flor natural que había premiar á mellor composición poética dedicada a Galicia non se entregou, FRANCISCO AÑÓN conseguiu un accésit polo seu poema titulado "A Galicia". Os xogos deron lugar a unha publicación que hoxe en día é de grande valor para coñecer a poesía anterior ó Rexurdimento, chamada Album de la Caridad que saíu en 1862. Ademais das composicións premiadas nos xogos, recóllese un importante "Mosaico poético de nuestro vates gallegos contemporáneos" : é a primeira antoloxía do renacer das letras galegas en Galicia.

A importancia do verso foi tal no Rexurdimento que durante moito tempo existiu en Galicia a crenza de que a lingua galega sendo poética por natureza nunca podería servir para transmitir un tipo de experiencias culturais que non fosen as líricas versificadas. Por iso o verso foi tan permitido polos poderes establecidos e pola sociedade que veía aquí unha actividade lúdica inxenua, folclórica e arqueolóxica como podería ser un traxe rexional. En definitiva, nunca a sociedade galega creu seriamente que se puidese facer novela ou discurso científico na lingua do pais; un exemplo disto é Rosalía ou Curros que utilizaban só o castelán cando elaboraban novela, epístolas ou artigos periodísticos. Tampouco se pode pensar que non houbo nada de prosa narrativa durante o Rexurdimento, pero o que está claro é que non predominou.

No 1863 xorde o primeiro grande libro do Rexurdimento: "Cantares gallegos" de Rosalía de Castro que se lle ocorreu compoñer ó ler o "Libro de los cantares" (1852) de Antonio Trueba pero cunha intención que non estaba presente neste: reivindicar o idioma propio e dignificar o pobo que o fala. Respecto a isto é significativo que se teña polarizado para se referir a Rosalía o adxetivo de "La Cantora del Sar" evocando o intimismo dun dos seus libros en castelán: "En las orillas del Sar" (1884) sen ter en conta a Rosalía desgarrada e conflictiva dos poemarios galegos.

"Cantares gallegos" marca un o inicio dun proceso que aínda non está pechado e que transcorre a contrafío dos intereses do poder central e vencendo os complexos da sociedade. Esta etapa de rexurdimento hai quen a alonga ata o 1917, data da morte de Eduardo Pondal, pero hai que dala como pechada a partir de 1900 pois dene aí ata 1920 non hai case literatura.

Coincide o Rexurdimento cos movementos denominados Rexionalismo e Federalismo, que hai que ter en conta neste despegue cultural se consideramos a literatura galega como parte dun programa de descolonización. Non se trata de comparala coas colonias clásicas do Terceiro Mundo, pero o certo é que a actitude lírica fronte ós valores impostos pola metrópole, a valoración do natural fronte a civilización colonial, a creación de mitos da propia cultura, a procura dun pasado precolonial autótono para xustificar a liberdade e a autonomía, o ton de arenga para senti o orgullo de ser diferente ó pobo colonizador, son COMÚNS ÁS LITERATURAS DE COLONIZACIÓN.

Tan importante como enfocar a formación da cultura galega como dento dunha programación colectiva é observalo como resposta dunha expresión individual. Cando se obvia isto é cando se lle dá demasiada importancia ó patriotismo e cando aparecen críticas que pouco favor fan á causa que presuntamente defenden.

 

No medio dunha morea de individualidades xorden tres grandes figuras que marcan coa súa personalidade e as súas obras O RENACER DA CULTURA NESTA SEGUNDA METADE DO S. XIX.: Rosalía de Castro, Eduardo Pondal e Manuel Curros Enríquez.

 

 


 

 

Rosalía de Castro (Santiago de Compostela, 1837 - Padrón, 1885) foi tan mitificada que dificultou a compresió da súa poesía, xa que rematou subida á peaña oficialmente preparada e ficou ideoloxicamente estantía ata hai pouco tempo gracias ós estudiosos da súa vida.

Pero o proceso non foi tan sinxelo. Primeiro sufriu unha marxinación dos estudiosos da literatura española á que tanto aportou, manipulándoa e presentándoa como unha beata, relegada á poesía dialectal aínda que houbo voces de excepción como Azorín ou Juan Ramón Jiménez que sinalou coincidencias entre Antonio Machado e Federico García Lorca.

A imaxe de Rosalía resignada e nai boísima, amantísima esposa, choromiqueira e folclórica, ficou esvaída pola prospección crítica que describiu o carácter forte e as súas paixóns só en parte desveladas ata agora. Cada vez máis, desvélasenos Rosalía como unha escritora que, lonxe de actuar por intuición, como se quixo ver en ocasións, sabía moi ben o que quería e o que facía, consciente de que traballaba dende un país marxinado, cunha lingua marxinada e cunha condición propia, a de ser muller, que en nada a axudaba a realizar e divulgar a súa obra. Xa antes de casar con Murguía frecuentaba Liceo de la Juventud, de Santiago, onde se xuntaban moitos intelectuais; a esta formación hai que engadir o seu matrimonio cun dos homes máis cultos do panorama intelectual galego como foi Manuel Murguía.

Por outra banda hai que ter en conta datos biográficos-psicolóxicos para entede-la súa obra como é a enigmática sombra, o pesemismo obsesivo ou o complexo de Polícrates (negador da felicidade e detectado dende a psiquiatría).

Podemos considerar en primer lugar a obra de Rosalía como inscrita dentro do movemento político chamado Provencialismo e, despois, Rexionalismo. Xa os seus contemporáneos vían en "Cantares gallegos" e en "Follas Novas" unha aportación fundamental para a empresa de restauración da conciencia galeguista.

Alfredo Vicenti, nunha reseña sobre "Follas Novas" datada no 1880, denunciaba o labor de freo que exercían sobre do Provencialismo:

 

 

"Aquellas provincias neutras , no dotadas de fisonomía propia y que, por lo tanto, se encuentran a disgusto entre pueblos y razas distintamente caracterizadospor el idioma, por las costumbres y por el abolengo". (1)

 

 

(1) Cf. Xesús Alonso Montero, Entorno a Rosalía, cit., p.221.

 


 

É dicir, que a obra de Rosalía, no seu tempo, foi obxecto de lecturas políticas e ideolóxicas, máis que propiamente literarias aínda que "Cantares gallegos" e boa parte de "Follas Novas" teñen unha xustificada lectura política. Nese primeiro libro a pesar das compoñentes costumistas e folclóricas, non é outra cousa que a ilustración dunha ideoloxía que pretendía denunciar as inxusticias de que eran víctimas as xentes galegas, pero foron os poemas máis sinxelos e obxectivos os que haberían a conformar unha semblaza de Rosalía exclusivamente sentimental e, xa que logo,estantía dende o punto de vista ideolóxico. Porque certamente, a eses poemas cómpre añadirlles aqueloutros nos que ergueu indignada a súa voz para denunciar a inxusticia e a opresión ata o punto chegar a dicir que España non merece que Galicia se chame española.

A segunda marxinación radica no instumento lingüístico, unha lingua

que na segunda metade do S.XIX tiña unhas connotacións de rusticidade e incultura; escribir poesía ou novela na España dese déculo era síntoma de frivolidade para unha sociedade interesada e estreitísima apegada incondicionalmente á Igrexa Católica. Rosalía era consciente disto e xustifica no prólogo de "Cantares Gallegos"a súa decisión de escribir na lingua do país, e pola súa banda, Manuel Murguía escribía no ano 1885, ó falar da xénese deste libro:

"¿Hizo bien Rosalía en emplear el gallego en un libro destinado a describir los paisajes, las costumbres, en una palabra, las cosas de Galicia y de sus gentes? Hay quien lo duda por creer la cosa hija de un pasajero capricho y no de un movimiento reflexivo" (2)

Quérese dicir que Rosalía escribiu moi consciente de que estaba dando os primeiros pasos para alcanzar os obxectivos do, naquela época, incipiente movemento de reconcienciación de Galicia.

(2) Cf. Xesús Alonso Montero, En torno a Rosalía, cit.pp.221-222.

A terceira marxinación era a de ser muller, onde Rosalía supón un precedente claro dos movementos feministas de hoxe. É no prólogo a "La hija del mar" e no artigo que titulou "Las literatas (carta a Eduarda)" onde se din cousas como estas:

" Tu no sabes lo que es ser escritora (...) ¿Qué continuo tormento! ; por la calle te señalan constantemente, y los hombres no cesan de decirte siempre que pueden que una mujer de talento es una calamidad (...) sobre todo los que escriben y se tiene por graciosos non dejan de pasar nunca la ocasión de decirte que las mujeres deben dejar la pluma y repasar los calcetines de sus maridos, si los tienen y si no aunque sean los del criado...·" (3)

 

Outro tipo de marxinación é a propia personalidade de Rosalía que amosa a través dos seus escritos: os símbolos indescifrables, os complexos psicolóxicos, as contradiccións da súa fe relixiosa, o pesimismo. Trátase pois dunha automarxinación onde inconscientemente a escritora foi víctima en grande medida dela mesma: do seu temperamento, da súa intelixencia adiantada, en máis de cen anos, á súa época, e da autodescalificación que amosa tanto nos prólogos como nalgúns versos a través de rexistros varios como son o símbolo indescifrable da negra sombra ou a o medo á felicidade, que os estudiosos tipificaron a través do complexo psiquiátrico chamado de Polícrates. Todo isto apréciase sobretoso en "Follas Novas" , que é, xunto a "En las orillas del Sar" , onde atopamos a Rosalía máis universal e innovadora. Nestas dúas obras, como di Arcadio López Casanova, pódese falar dunha "poética anticipadora", de ruptura co romanticismo e coa estética realista desta metade do S. XIX. Incluso chega a dicir que:

"Á súa beira, as figuras coetáneas de Curros e Pondal deben ser calificados de "poetas retrasados" non só en relación coas anticipacións rosalianas, senon tamén á luz do que estaban sendo os grandes eixos da lírica europea" (4)

(3) Vid. Rosalía de Castro, Obras Completas, 3 vols.,Santiago de Compostela:Sálvora,1983,vol II,

pp.289.293.

(4) Luís Pimentel e Sombra do aire na herba, Vigo: Galaxia,1990, p.17.

 

 


 

 

Nesta época aparece o primeiro estilista moderno polo que se refire ó manexo da lingua galega: Eduado Pondal (Ponteceso, 1835 - A Coruña, 1917) que se propón a creación dunha lingua literaria culta que limpase o galego coloquial e incorporase aqueles cultismos admitidos en tódalas linguas románicas que o galego non puido adoptar polas razóns xa vistas. A pesar de non poder controlar todas estas impurezas por nor ter grandes coñecementos filolóxicos, consiguíu un resultado que, anque pouco extenso, elevou o idioma á categoría de lingua de cultura. E fíxoo a expensas de renunciar a un número de lectores amplo que estaría máis en consonancia coa mensaxe ideolóxica que contén os seus versos.

De familia fidalga, foi liberal e progresista socializante no bienio 1854-1856; demócrata romántico no sonado Banquete de Conxo, no que estudiantes e mais obreiros compartiron mesa, mantel e poesía; bardo recoñecido pola importante tertulia coruñesa da Cova Céltica; responsable, xunto con Manuel Murguía, da montaxe do mito céltico que enchoupou de idealismo o discurso galeguista e nacionalista.

Todo isto vémolo na súa obra onde o poema "A campana de Allóns", publicado no Album de la Caridad, foi o primeiro escrito en galego. Pero é en 1877 cando se publicou o primeiro poemario extenso co título "Rumores de los pinos" que serve como base do único libro de poemas en galego que o poeta consentiu dar á luz: "Queixumes dos pinos" configurado nun sistema de oposición binarias, como son:

colectividade / individualidade A colectividade do pobo galego, a quen el vía, aristocraticamente e dende unha perspectiva superior; e pensando nunha realización e recoñecemento individual como poeta e guía do seu pobo.

presente / pasado-futuro Afronta unha presente patria escravizada a unha pasada-futura patria liberada. O poeta querería recuperar o pasado triufante e libérrimo do pobo celta para proxectalo ó futuro de Galicia, no que el, profeticamente, confía.

Animado polas súas lecturas dos clásicos elaborou un extenso poema epopeico, ó final non rematado, que relataría a grande aventura de Cristovo Colón. Entre dos varios títulos que o poeta barallou, o de "Os Eoas" é o que deu nome a esta composición que, gardada nunha xa mítica maleta custodiada pola Real Academia Galega, esperou moitos anos a que unha edición crítica se aproximase o máis posible ó proxecto tantas veces recomezado por Pondal. Esta edición saíu en 1992 a cargo de Amado Ricón Viruleg.

Unha das cousas que máis axuda a dotar á comunidade galega da metade do S XIX dunha autoestima que arranque o modelo cultural imposto pola metrópole colonizadora, é o arraigo do mito celta en Galica, esporeado por Pondal e o historiador Murguía. Facendo de Galicia peza clave dunha futura Iberia unida que se prolongaría nos países irmáns de ultramar dando deste xeito sentido á grande fazaña colombiana.

Xosé Luís Méndez Ferrín ve en Pondal o primeiro e o máis moderno dos poetas galegos do S XIX, ademais de encabezar o que acuñou como Escola Formalista. Os principais escritores desta escola son: Alberto García Ferreiro (Ourense, 1860 - Santiago de Compostela, 1902), Florencio Vaamonde Lores (Ouces-Bergondo, A Coruña, 1860 - A Coruña 1925) e Francisco Tettamancy Gastón (A Coruña, 1854 - 1921). Esta escola caracterizaríase por un afastamento da actitude ruralizante de Rosalía, Curros e outros, pola construcción dunha Galicia heroíca "superposta á Galicia real" dende un distanciamento aristocrático.

A Terceira figura que nesta metade de século ilustrou o esplendor do Rexurdimento é Manuel Curros Enríquez (Celanova, Ourense, 1851 - A Habana, 1908), que tamén exclusivamente se valeu do verso para se expresar en galego, aínda que escribiu neste rexistro unha abundante obra en castelá.

No ano 1869 estudiaba a carreira de dereito e escribe o seu primeiro poema "Cántiga", coñecida hoxe polo título "Unha noite na eira do trigo". Entr 1869 - 1877 escribe en galego e tamén en castelán; fai unha crítica en en verso contra a Constitución con moito éxito de vendas, pero que non se conserva ningún exemplar.

No 1872 atopámolo como colaborador de La ilustración republicana, de Pi i Margall, cun poema en castelán. No 1873, asiste ó Congreso dos deputados á proclamación da primeira República española. Tamén asiste á famosa entrada do xeneral Pavía no Congreso dos Deputados o 2 de xaneiro de 1874, coa consiguente caída da 1ª República. No 1874, unha composición titulada "Oda a la guerra civil", referido á 3ª guerra carlista, que daquela se libraba no norte, válelle a entrada na redacción do prestixioso diario "El Imparcial", que envía a Curros á fronte, no Nadal do 1875, como corresponsal de guerra.

Despois dunha serie de enfados que remataron co abandono de El Imparcial, participa nun certame literario convocado en Ourense en 1877 onse se premiará a quen mellor cante un costume, unha tradición e un tipo de Galicia. Curros gaña con tres preciosos pomas: "Unha voda en Einibó", "A virxe do Cristal" e "O gaiteiro de Penalta".

Pronto vai ter lugar o seu primeiro choque coa igrexa, motivado pola solución que lle dá ós amores entre frei Diego e Marta nunha peza teatral versificada, en castelán, en honra do Padre Fixoo. E tempo despois da morte da súa nai en marzo do 1880 onde Curros dedícalle un sentido poema ("Na morte da miña nai", un dos poucos poemas intimistas que rexistramos na obra do celanovés), o bispo de Ourense denunúnciao por apreciar que uns poemas do libro chamado "Aires da miña terra" conteñen graves irreverencias contra da Igrexa; trátase de "A igrexa fría" e "Mirando ó chau". Finalmente en marzo de 1881, a Audencia Territorial dicta setencia absolvendo a Curros dos cargos que se lle imputan, con tódolos pronunciamentos favorables.

Nesta data chega por fin o primeiro tren a Ourense e Curros escribe un poema no que fai un canto ó progreso, outro dos temas favoritos del. Tamén neste ano aparece unha segunda edición de "Aires da miña terra", acrecentado con novos poemas entre eles un titulado "No convento", moi atrevido para o seu momento.

Anos despois, no 1885, é momeado presidente honorario da Sociedade Lírica da Habana, Aires da miña Terra, que ten moita relación co poema "A Sociedade lírica de Habana Aires da miña terra" onde Curros se desfoga contra a abulia do pobo galego. Neste ano morre Rosalía e Curros escribe un precioso poema titulado "A Rosalía".

 

No 1888 remata o seu segundo libro "O divino sainete", mostra de anticlericalismo incondicional que fixo á prensa galega gardar silencio por medo, mentres que en Madrid tiña boa acollida. Proba da importancia deste autor é a traducción ó castelán no 1892 de "Aires da miña terra", ou a homenaxe que lle fixeron en 1893 no teatro de la Comedia, aproveitando a fundación do Centro Gallego.Un ano máis tarde embarca para a Habana, onde vai e volta nunha serie de viaxes e homenaxes, ata que finalmente morre no 1908 nunha cama do Centro Asturiano e é traído a Galicia reclamado pola Real Academia Galega.

Curros deixounos unha concepción da poesía como medio para desvelar a inxuxticias da sociedade en xeral, e da sociedade rural galega, en particular. Afástase de Rosalía no tratamento da alegre paisaxe romántica como vemos no seu poema "A primaveira", pero acércase cando non goza destes elementos positivos da natureza, pois hai unha dor íntima que llo impide: a situación do seu pobo, do pobo rural.

Outros poetas desta época son Valentín Lamas Carvajal, Benito Losada, Xan Cuveiro Piñol, Xan Barcia Caballero e un longo etcétera.

 

 Pero tamén atopamos algúns escritores de narrativa como Marcial Valladares Núñez (Berres, Pontevedra, 1821 - 1903) que escribiu a primeira novela galega (orixinal): "Maxina ou a filla espúrea". Trátase dunha noveliña realista con fondo romántico, no que se reflecta aspectos da burguesía compostelá. Outros autores que cultivaron a prosa son Valentín Lamas Carvajal, Álvarez de Nóvoa e Antonio López Ferreiro.

 

Respecto ó ensaio e literatura dramática aparecen nomes como Manuel Martínez Murguía (A Coruña, 1833-1923), quen, a pesar de ter sido un animador incansable da cultura galega e responsable en grande parte da obra de Rosalía, a penas deixou escrito nada en galego. E o mesmo se pode dicir de Alfredo Brañas Menéndez ( Carballo, 1859 - Santiago de Compostela, 1900) , un Benito Vicetto Pérez (Ferro, 1824 - 1878), un Aureliano Pereira de la Riva (Lufo, 1855 - Madrid, 1906), que só utilizou o galego para escribir poesía, etc.

Polo que respecta á literatura dramática non se pode esquecer os nomes de Galo Salinas (A Coruña, 1852 - 1926), que tanto fixo polo teatro a través da Escola Rexional de Declamación; Francisco María de la Iglesia (Santiago de Compostela, 1827 - A Coruña, 1897), que escribiu o primeiro drama do Rexurdimento, titulado "A fonte do Xuramento", ou Manuel Lugrís Freire (Sada, 1863 - A Coruña, 1940), que se considera o primeiro autor moderno e iniciador do drama social de lectura romántica.

BIBLIOGRAFÍA

- Literatura Galega. Aportacións a unha Historia crítica. Anxo Tarrío Varela. Ed Xerais.

- Antoloxía Literatura galega. 3º BUP. Ramón Gutiérrez Izquierdo, Gonzalo Navaza Blanco, Luciano Rodríguez Gómez. Ed. Xerais.

- Lingua COU. Mª Camino Noia, Henrique Monteagudo, Gonzalo Navaza, Francisco Fernández Rei.

[Posición anterior]